Wednesday 01 de May de 2024

“Abel Caballero antepón os intereses partidistas á defensa do municipalismo” afirma o alcalde de Ribeira Manuel Ruiz


De resultas do acontecido onte na xunta de goberno da Federación Española de
Municipios e Provincias, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, non pode senón manifestar publicamente a súa decepción pois logo de anos de tradicional consenso nas decisións deste órgano rómpese este espírito por mor do voto de calidade dun presidente, Abel Caballero, que preferiu pregarse aos intereses partidistas antes que defender o municipalismo.
A xuízo de Ruiz Rivas, o voto de calidade de Abel Caballero supón a aceptación da chantaxe do Goberno Central. A súa decisión constitúe un novo agravio aos concellos e un serio menoscabo a aqueles que,
como Ribeira, foron beneficiarios de fondos europeos FEDER para o desenvolvemento das súas Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI).
Futuro problema de liquidez

Neste senso, a confiscación dos seus remanentes vailles ocasionar a medio prazo un importante problema de liquidez pois —non hai que esquecelo— son os propios concellos beneficiarios das EDUSI os que teñen que anticipar cos seus recursos o montante dos fondos europeos comprometidos antes da súa efectiva entrega por parte do Ministerio de Facenda: o que, no caso do Ribeira Atlántica 2015, sucedeu tres anos despois do remate das actuacións subvencionadas.
“Abel Caballero xa non representa a municipalidade”, subliña Manuel Ruiz, quen en vista de anteriores previsións equivocadas por parte do Goberno do Estado pon en dúbida que aos municipios lles sexan devoltos efectivamente os seus cartos, que son ao fin ao cabo os cartos dos veciños. “O que quere Moncloa é un préstamo a fondo perdido para executar a súa axenda política e pagar as peaxes que ten coa seus socios”, finalizou o rexedor ribeirense.